Exposición no Auditorio de Galiza - Actuacións BNG - Compostela 2007-2011 (sitios de interés)

Descripción del sitio

2007

Luís Seoane. Da costa de Circe á costa da Morte. Óleos da colección Alcalde Varela.

Permitiu ver por primeira vez xuntos os cadros dunha das máis importantes coleccións de arte galega, unha boa parte dos cales nunca foran amosados en Galicia.


Compostelarte supuxo unha invitación aos artistas nados ou residentes en Santiago entre as décadas dos 40 e 50 a que presentasen os seus traballos editándose un catálogo e un DVD coa idea de difundir esta xeración entre o público máis novo e supoñendo un achegamento aos habitantes da cidade.



A restrospectiva de Manuel Quintana Martelo que ocupou tamén un segundo contedor, a Igrexa da Universidade, foi a primeira gran restrospectiva deste artista en Galicia, que comezaría nos anos 70 e chegaría até as súas últimas propostas. Nesta ocasión contamos coa coprodución da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia o que permitiu dotar a exposición de máis recursos.


Pechouse 2007 coa exposición dos Premios do Auditorio


A quinta convocatoria dun premio consolidado que se converteu nunha das primeiras oportunidades dos artistas galegos para dar a coñecer a súa obra e iniciar unha excelente traxectoria. Está dotado con un primeiro premio de 6.500 euros, catro accésits de 1.500 euros cada un e un premio do público, resultado da votación das persoas asistentes á mostra dotado con 1.200 euros.



2008


A historieta galega. Produción propia que saldaba unha débeda cunha disciplina que entendiamos merecía ter un lugar relevante na historia da arte do noso país e que repasou a través de publicacións e orixinais a historia do cómic galego desde o seu nacemento ata os nosos días. Contou tamén coa coidada edición dun catálogo e con talleres e conferencias dos debuxantes.


Fotógrafos insospeitados. Celebridades detrás do obxectivo formou parte de Photoespaña, o festival de fotografía máis relevante de España e un dos recoñecidos internacionalmente. Foron máis de 20 creadores de prestixio nos seus campos profesionais: músicos escritores, cantantes, actores, cineastas, artistas, poetas, como BRYAN ADAMS, músico; PEDRO ALMODOVAR ou LUCHINO VISCONTI Directores de cine; JEFF BRIDGES ou RICHARD GERE actores, PABLO PICASSO, pintor, LOU REED, músico; EMILE ZOLA, escritor entre outros. Personaxes contemporáneos e históricos que atopan na fotografía un medio de expresión e cuxas imaxes forman parte de colección de institucións como a Fundación 3M de Milán, o Museo Carnavalet e o Museo de Orsay de París, a Libraría do Congreso de Washington, importantes galerías internacionais etc.


Marxes e mapas: A creación de xénero en Galiza tivo lugar na sala de exposicións Isaac Díaz Pardo Auditorio de Galicia e na ZONA “C”. Acolleu a proposta de dous novos aínda que expertos comisarios galegos Chus Martínez e Xosé Manuel Lens. Está colectiva reuniu a obra de 26 artistas galegas e tivo como punto de partida a mostra A arte inexistente. Artistas galegas do século XX realizada no Auditorio de Galicia no ano 1995. Analizou o cambio de linguaxes, temáticas e roles da creación realizada e producida por mulleres en Galiza desde mediados dos 90 ata a actualidade. Un ciclo audiovisual complementou a mostra na zona “C”


2009


A antolóxica de Antón Mouzo revisou a obra do artista falecido propoñendo un percorrido historicista sobre a súa produción. Foi referente para todos os estudiosos de Mouzo. Editouse un catálogo dixital


Mulleres en plural. A muller a través do obxectivo dos grandes fotógrafos do século XX. É unha achega a unha importante colección privada de fotografía que recolle o universo feminino a través das miradas e os obxectivos dos grandes maestros da fotografía do século XX. Lola Garrido que firma as máis importantes críticas de fotografía do Estado Español foi a comisaria.


Latidos dun mundo convulso. Proxecto de Lunwerg editores coproducido con Obra Social de Caja Madrid, amosou a través de 100 fotografías diversos escenarios conflitivos dos últimos 30 anos, dende mirada de 10 fotógrafos españois de recoñecido prestixio, como Cristina García Rodero, Gervasio Sánche o Sandra Balsells.


A sexta edición dos Premios do Auditorio rematan o ano.


2010


A exposición María Xosé Díaz. 1980 – 2010 propuxo un percorrido por trinta anos de traballo e investigación comisariada polo teórico Antonio Garrido Moreno


Producida polo Disseny Hub Barcelona o Auditorio acolleu a exposición de Outumuro LOOKS. 20 anos fotografando moda que supuxo unha oportunidade única de ver reunida por primeira vez a obra dun fotógrafo coñecido internacionalmente e nado en Ourense. Máis de 200 imaxes capturadas polo que seguramente é un dos fotógrafos galegos máis coñecidos internacionalmente. Pioneiro e referente no campo da fotografía de moda, as súas obras son as da fantasía e os soños, representan unha ficción da realidade que constrúe novos mundos perfectos.


Korda. Coñecido, Descoñecido. Unha nova colaboración con Photoespaña e La Fábrica para comprender o legado de Alberto Korda (1928, La Habana – 2001, París) a través dunha extensa selección de imaxes que nos amosan con detalle a súa extraordinaria carreira fotográfica que en moitos sentidos nos achega ao desenvolvemento de Cuba e da Revolución cubana ao longo da segunda metade do século XX. Unha grande parte das fotografías eran descoñecidas e por vez primeira son públicas grazas ao acceso ao arquivo Korda que permitiu Diana Díaz, a súa filla maior e herdeira.


A cidade interpretada, proxecto de arte pública que coproducimos xunto co CGAC e o Xacobeo. Deu continuidade á primeira edición da etapa anterior situando a Compostela na vangarda deste tipo de proxectos a nivel internaciona.

2011

Casus belli. Refutación do contexto. Comisariada por Alberto González Alegre e Anxo Cervizo, trata de analizar os conflitos que se producen nos procesos de recepción da arte contemporánea elaborando un mapa ou tipoloxía das problemáticas posibles.


Sería absolutamente imposible incluír unha relación das diferentes mostras que estiveron abertas nos centros socioculturais, moitas delas de artistas composteláns mais tamén moitas con contidos e finalidades divulgativas de temática diversa (ciencia, literatura, historia...), mais non podemos deixar de sinalar a que neste momento está a circular pola rede, “A memoria da xente”, como centro de actividades socioculturais de recuperación da historia cotiá dos barrios e parroquias, dos personaxes e da evolución do municipio. Vinculada con esta liña de traballo está tamén a iniciativa dun ciclo de charlas e proxeccións en torno á memoria histórica da época da ditadura franquista moi centrada no barrio de Conxo (“A memoria silenciada”)

Mapa del lugar de interés Exposición no Auditorio de Galiza

Panorámica interactiva con Google Street View

fotografía panorámica de Exposición no Auditorio de Galiza, con el API de Google Street View

Mapas de contenido relacionado